Os noieses recuperan o seu pasado nunha multitudinaria feira medieval

NOIA> Noia pechou unha nova edición da Feira Medieval con gran éxito de público. A chuvia non afectou á afluencia de visitantes a pesar de que obrigou a suspender o desfile de fachos previsto para o sábado pola noite.

Dende que abriu as súas portas o venres a media tarde o mercado medieval instalado na vila noiesa con preto de cen postos repartidos por todo o casco histórico foi un fervedoiro de xente. Artesanía, gastronomía, música e animación eran os atractivos principais da feira onde este ano cobraron maior protagonismo os oficios tradicionais con exhibicións e obradoiros participativos para poñer en valor a profunda tradición gremial de Noia.

Tamén os torneos de cabaleiros centraron boa parte da atención do público atraídos por estes espectáculos que recrean as xestas medievais. Xunto cos números de animación de rúa, os espectáculos de gran formato, concertos e exhibición de cetrería completaron o programa dunha das feiras máis concorridas.

A chuvia, aínda que obrigou a suspender algunhas das actividades previstas para o sábado noite, como o desfile de antorchas Portus Apostoli, non foi quen de restar ganas de disfrutar desta cita obrigada para os noieses e miles de visitantes que cada ano se desprazan ata unha vila que mira ó seu pasado recuperando a tradición.