Lores acusa a Costas de ‘sabotear’ os proxectos de Pontevedra

PONTEVEDRA> A carta enviada onte polo Secretario de Estado de Medio Ambiente ao concello de Pontevedra xa ten resposta. Na misiva que o alcalde remite a Hugo Morán, Miguel Anxo Fernández Lores asegura que recibiu con sorpresa e desagrado as novas que chegan dende o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Abre ademais un novo episodio de tensión cos seus socios de goberno: asegura que os socialistas están a encubrir a inacción do Goberno Central nos seus compromisos con Pontevedra.

A carta do Secretario de Estado de Medio Ambiente sobre a situación de varios proxectos de Costas en Pontevedra xa ten resposta. Hoxe o alcalde fixo pública a súa contestación.

Ata en seis ocasións repite Fernández Lores a súa ‘sorpresa e desagrado’. Acusa ao Ministerio de frear proxectos como o paseo a Marín, a rexeneración urbana de Mollavao ou a recuperación da Xunqueira de Ponte Sampaio.

O rexedor insiste en que ve nesta resposta de Hugo Morán un claro interese electoralista. E asegura que o PSOE pontevedrés están a encubrir a inacción do Goberno Central. Acusación que xa tivo a resposta do voceiro dos socialistas.

Na súa comparecencia, Puentes defendeu os proxectos que se inclúen na estratexia Pontevedra Flúe, impulsada dende a súa concellería.

Iván Puentes tamén botou man do decreto de competencias polo que o 19 de xuño de 2019 o BNG e o PSOE como socios de goberno repartíanse as súas áreas de xestión. O edil de Desenvolvemento Sostible defendeu que é a este departamento ao que corresponde xestionar a posta en valor das zonas naturais asociadas aos cursos de auga. O que fai Pontevedra Flúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí