BARBANZA> A Deputación da Coruña destina preto de medio millón de euros á comarca do Barbanza no marco do programa PEL Concellos. As axudas van dirixidas á contratación de persoas con dificultades de inserción laboral por parte da administración local.
O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a resolución da concesión das axudas do programa PEL-Concellos que convoca a Deputación da Coruña. En total, beneficiaranse desta liña de subvencións, que oscilan entre os 75 mil e os 19 mil euros, 92 concellos da provincia. Serán un total de tres millóns e medio de euros que permitirán crear 400 empregos.
Na comarca do Barbanza, o importe das axudas rolda o medio millón de euros sendo Boiro e Ribeira os principais beneficiarios con 52 mil euros cada un. Ademais da prestación de servizos básicos, estas subvencións destinaranse á contratación de desempregados, primando aqueles colectivos con maiores dificultades para a inserción laboral.
Así, os concellos deberán aplicar criterios sociais priorizando a contratación de maiores de 45 anos, desempregados de longa duración, persoas con discapacidade igual ou superior ó 33 por cento ou vítimas de violencia de xénero. Dentro destes colectivos, terán tamén especial consideración aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación ou formación financiados polas administracións públicas.
En paralelo a estas axudas, a Deputación ten tamén aberto o prazo de solicitudes do PEL pemes, emprendedores e autónomos. A convocatoria, dirixida a sufragar a contratación de persoal en pequenas e medianas empresas, os investimentos que mellores a competitividade dos pequenos negocios e as cotas de autónomos, permanecerá aberta ata o 22 de febreiro.