Patricia Lojo aspira a liderar o futuro goberno da Pobra

POBRA> Nun ateigado auditorio do museo Valle-Inclan, o PSOE da Pobra presentou a que será a súa candidatura para os vindeiros comicios de maio.

Os socialistas repetirán con Patricia Lojo, como cabeza de lista. Na súa intervención aludiu ó traballo feito nestes últimos catro anos formando parte do goberno municipal dirixindo as concellerías de Sanidade e Cultura.

Segundo ela, o obxectivo nestes comicios municipais non é outro que conseguir a alcaldía para o Partido Socialista apostando polo desenvolvemento económico, o turismo e a mellora do benestar social.

A candidata estivo acompañada tamén polo secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Xosé Manuel Lage, o alcalde de Ames, Blas García e a deputada no Parlamento, Noa Díaz.

Os tres destacaron a valía de Patricia Lojo á que consideran como a mellor opción para liderar o futuro goberno da Pobra.

No acto deuse a coñecer tamén ás persoas que acompañarán a Lojo na candidatura. Zaida Rey irá de número dous. Laura Bautista e Marcos santos ocuparán os postos 3 e 4 respectivamente. Daniel Sobrido irá de 5, Marta Ojea de 6 e Silvia Brión de 7, mentres que Lorena Hermo irá no posto número 8. Nos números 9 e 10 irán dous históricos do socialismo na Pobra, o ex-alcalde Ramón Rego e o profesor Xesús Laíño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí