A Xunta licita as obras de conversión da vía de altas prestacións Brión-Noia en autovía

NOIA> A Xunta dá un paso máis para a vertebración das comarcas de Muros e Noia con Santiago coa licitación, por un importe de 11’2 millóns de euros, das obras de conversión da vía de altas prestacións Brión-Noia en autovía.

Neste caso a actuación afectará a un tramo de aproximadamente cinco quilómetros entre os concellos de Brión e Rois, no treito entre Brión e o enlace de Urdilde.

A licitación das obras dá continuidade á aprobación no mes de febreiro do proxecto de trazado do desdobramento do corredor entre o remate da autovía Santiago-Brión ata o inicio do tramo Martelo-Noia, cun investimento estimado que superará os 29 millóns de euros.

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 12 de setembro. O prazo de execución das obras estímase en 18 meses.