Pontevedra sinalizará monumentos e reformulará o CITA para poñer en valor o seu patrimonio

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra traballa para poñer en valor o seu patrimonio monumental. O alcalde presentou hoxe un proxecto que engloba dúas actuacións: dunha banda, a instalación de 15 paneis informativos en diferentes monumentos da cidade. Da outra, a reconfiguración do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, CITA, que pasará a acoller material para ilustrar o relato histórico de toda a cidade medieval.

Poñer en valor o patrimonio monumental de Pontevedra é un dos obxectivos que se fixa o goberno local. Hoxe o alcalde presentou un novo proxecto.

A iniciativa divídese en dúas partes. A primeira centrarase na reconfiguración do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais. O CITA pasará a chamarse CIVIM, Centro de Interpretación da Vila Medieval, e contará con recursos audiovisuais que recrearán a Pontevedra medieval dos séculos XV e XVI.

A seguinte fase abordará a instalación de paneis informativos en 16 monumentos da cidade. Son principalmente edificios, como a Basílica de Santa María, as ruínas de San Domingos, o Teatro Principal, a Praza de Touros ou a Ponte do Burgo.

A intención do concello é que os paneis poidan estar instalados antes de que remate o ano. En canto ao material audiovisual do novo CIVIM, explican que se está traballar cun equipo multidisciplinar para pulir os vídeos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí