PONTEVEDRA> A chegada da borrasca Karlotta deixouse notar, e moito, no interior do colexio Froebel, en Pontevedra. A cuberta, que agarda dende hai máis dunha década unha reforma, non foi quen de frear as fortes chuvias e varios puntos do centro volveron converterse en auténticas piscinas. As familias manterán as súas protestas semanais e reclaman á Xunta de Galicia e ao concello que actúen.
Non fixo falta moito tempo para demostrar que as familias do colexio Froebel, en Pontevedra, tiñan razón nas advertencias que facían o pasado mércores. Só foi necesaria unha xornada de chuvias intensas, a de onte, coa entrada da borrasca Karlotta, para que o interior do centro volvera converterse nunha auténtica piscina.
Desta volta, a planta superior do colexio foi a máis afectada polas filtracións que se producen no tellado.
A comunidade educativa responsabiliza desta situación tanto á Xunta de Galicia, que leva máis dunha década de retraso nas obras de reforma da cuberta, como ao concello de Pontevedra. Aseguran que dende a dirección do centro xa se pediu en numerosas ocasións que execute a limpeza e mantemento do tellado, unha intervención de competencia municipal. Pero segundo reprochan as familias, non se realizou porque é preciso empregar un guindastre que eleva o custo da intervención.
Ante esta situación, a comunidade educativa manterá as mobilizacións bautizadas como ‘Mércores Negros’ que están a celebrar cada semana antes do inicio das clases.











