Sorpresa en Rianxo co ascenso de ‘Rianxo en Común’ que se converte en primeira forza con 5 edís

RIANXO> A sorpresa da noite do Barbanza atopámola en Rianxo, onde o BNG perdeu á alcaldía tras pasar de seis a dous concelleiros. O gran vencedor foi Rianxo en Común que se converteu na forza máis votada sumando tres edís ós dous con que xa contaba. PSOE e PP medran tamén en número de votos con cinco representantes na corporación cada un.

A sede de Rianxo en Común converteuse nunha auténtica festa a pasada noite. A medida que avanzaba o escrutinio confirmábanse as mellores previsións para  a formación independente: acadaron o respaldo de 1810 rianxeiros converténdose na forza máis votada pasando de dous a cinco concelleiros.

Aínda así, a pesar da suba de Rianxo en Común, o voto estivo moi repartido entre as tres primeiras formacións. PSOE e PP tamén medran e contarán con cinco edís cada un, un máis ca na anterior corporación.

A suba destas tres formacións prodúcese a costa do BNG, o gran perdedor da noite. O cambio de candidato ó non optar a reelección o actual alcalde Adolfo Muíños pasoulle factura ós nacionalistas que perderon catro concelleiros quedando tan só con dous representantes na corporación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí