O popular Rafa Domínguez presentará a súa candidatura a alcalde no pleno de investidura

PONTEVEDRA> Polo de momento, Rafa Domínguez ten a vista posta no pleno de constitución da corporación de Pontevedra deste sábado. Finalmente presentará a súa candidatura á alcaldía. O líder do Partido Popular volveu recordar que a formación conservadora foi a máis votada nos comicios do 28 de maio. Así as cousas, lamentou a posición adiantada polo Partido Socialista, que pasa por apoiar a investidura de Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde de Pontevedra.

Rafa Domínguez presentará a súa candidatura á alcaldía no pleno de constitución da vindeira corporación pontevedresa.

Presentarase pero, confesa, con escasas esperanzas de conseguilo. BNG e Partido Socialista continúan coas negociacións para formar goberno e o candidato socialista, Iván Puentes, xa adiantou que, haxa ou non acordo, o seu apoio a Miguel Anxo Fernández Lores está garantido.

Por iso Domínguez instou aos socialistas a votar polo seu propio candidato, Iván Puentes, en lugar de apoiar ao nacionalistas Fernández Lores.

O líder do PP recordou a existencia dun pacto a nivel galego entre BNG e PSOE co que queren evitar que os populares acaden as alcaldías. Algo que Domínguez lamentou.