Moraima calcula que en dous anos poderá comercializar o seu viño de uva ratiño

BARRO> O recoñecemento da uva ratiño como unha variedade comercial abre novos horizontes para distintas adegas da nosa contorna. Unha delas é Moraima, que leva anos loitando para conseguir que este tipo de viño se poida vender. De feito teñen xa un viño experimental que agardan porder lanzar ao mercado en cuestión de dous anos. Tamén confían en que esta variedade poida incluírse no catálogo da DO Rías Baixas.

O Mausiño é unha declaración de intencións do que esta adega de Barro quere facer co ratiño. Trátase dun viño experimental elaborado por Moraima con esa variedade de uva que, tras unha longa espera e anos de traballo, poderá comercializarse. Pero queren que sexa un ratiño amparado pola Denominación de Orixe Rías Baixas, un reto que tamén están a piques de conseguir.

Con todos estes pasos admnistrativos aínda pendentes, en Moraima calculan que poderán comercializa-lo seu Mausiño nun prazo de dous anos. Agora mesmo nesta adega teñen unha produción de ratiño de entre 200 e 500 litros ao ano. Aproveitarán estes dous anos antes de saír ao mercado para amplia-la plantación.

Moraima arrancou no ano 2014 o seu proxecto de vinificación experimental desta variedade autóctona galega . Pero a historia vén de máis lonxe: as primeiras cepas foron localizadas hai 35 anos polos expertos da Misión Biolóxica de Galicia, que xogou un papel fundamental na súa investigación. O seu traballo foi determinante para que, por fin, o ratiño ocupe o seu lugar no rexistro de variedades comerciais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí