BARRO> O parque de maquinaria da Deputación de Pontevedra é agora un centro operativo. Un cambio de denominación que acompaña á estrea das novas instalacións deste servizo no polígono de Barro. Trátase dunha base moderna, ampliada e renovada, que contou cun investimento de 2,75 millóns de euros. Será a sede do servizo provincial de infraestruturas, do parque móbil e do aparello loxístico da institución.
O parque de maquinaria da Deputación de Pontevedra xa ten nova sede no polígono industrial de Barro. Un cambio de localización, dende a Xunqueira de Alba, que permitiu ampliar a súa función. Agora funcionará como centro operativo, como sede do servizo provincial de infraestruturas, do parque móbil e do aparello loxístico da institución.
O equipamento ocupa unha parcela de 8.700 metros cadrados e para a súa construción foi preciso un investimento de 2,75 millóns de euros. Trátase dun edificio de dúas plantas con espazos polivalentes, vestiarios e oficinas, unha nave destinada a taller, un almacén central, boxes de lavado e aparcadoiro.
Recordemos que a parcela que ocupaba o parque de maquinaria na Xunqueira de Alba é actualmente unha zona verde aberta á cidadanía. Para o seu acondicionamento foi precisa unha achega de máis de 1,5 millóns de euros.
Ademais deste centro operativo, o polígono de Barro acolle outros servizos da Deputación de Pontevedra como un viveiro de empresas e a oficina de transformación comunitaria.











