NOIA> O candidato do Partido Socialista á alcaldía de Noia, Fran Pérez, mantiña hai uns días un encontro de traballo co seu compañeiro de filas, e candidato tamén por esta formación á alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. A finalidade desta xuntanza non era outra que analizar unha futura colaboración entre os dous concellos en temas de interese mutuo, vinculados á promoción económica e turística dos dous municipios.
O candidato do PSdeG-PSOE, Fran Pérez, segue coa súa folla de ruta de cara a preparar a súa chegada á alcaldía de Noia. Hai uns días mantiña unha xuntanza de traballo co tamén cabeza de lista socialista á alcaldía de Santiago e actual alcalde, Xosé Sánchez Bugallo. No transcurso da mesma analizaron unha futura cooperación entre os dous municipios en temas comúns relacionados coa promoción turística e económica.
Fran Pérez destacou o feito de que Noia, pola súa proximidade con Santiago, a menos de 20 minutos, debe aproveitar este feito, tratando de atraer a moito dese turismo que se achega cada ano a capital de Galicia, a través da potenciación da ruta do Camiño de Santiago que pasa por Noia, que nos últimos anos está a experimentar un enorme auxe.
Durante a xuntanza tamén analizaron outros aspectos importantes para os dous concellos, como a necesidade de integrar a Noia na Área Metropolitana de Santiago, o que permitiría mellorar tamén a conexión entre ambas localidades e a frecuencia do transporte público, algo que, sen dúbida, redundaría na mellora dos servizos para os seus veciños.