Puentes, candidato do PSOE en Pontevedra tralo paso atrás de Fernández que denuncia falta de neutralidade

PONTEVEDRA> Iván Puentes xa é o candidato do Partido Socialista á alcaldía de Pontevedra. Esta tarde foi designado pola executiva municipal por aclamación. Finalmente, a decisión de Tino Fernández de retirar a súa candidatura fai innecesario continuar co proceso de primarias. O actual voceiro municipal fixo pública a súa retirada esta mañá, acusando á executiva municipal de favorecer ao seu rival.

O Partido Socialista de Pontevedra xa ten candidato ás eleccións municipais de maio de 2023. Iván Puentes foi designado por aclamación esta tarde pola executiva municipal. Foi posible despois de que esta mañá Tino Fernández, retirara a súa candidatura ás primarias a dous días da votación.

Fernández, actual voceiro municipal socialista, anunciou o seu paso atrás ao tempo que criticaba duramente á executiva municipal do partido. Acusouna de falta de neutralidade, apoiando claramente a candidatura de Puentes.

Pola súa banda, Iván Puentes non quixo entrar a valorar estas acusacións. Agradeceu a Fernández o traballo realizado estes anos á fronte da formación.

Para Puentes, ábrese agora unha etapa para preparar o mellor equipo e a proposta que levará o Partido Socialista para convencer aos pontevedreses e intentar liderar o vindeiro goberno municipal. Un futuro no que Fernández non cre que teña cabida.

Agora o nomeamento de Puentes terá que ser ratificado pola executiva galega do partido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí