O Museo de Pontevedra xa loce os seus ‘Q’ de calidade e ‘S’ de sustentabilidade turística

PONTEVEDRA> O Museo de Pontevedra celebrou a concesión dos distintivos Q de Calidade e S de Sustentabilidade Turística. Os asistentes puxeron en valor a importancia da entidade, a única do seu ámbito en todo o Estado que conta con estes dous recoñecementos.

O Museo de Pontevedra xa loce os seus Q de calidade e S de sustentabilidade turística. A entidade celebrou onte a concesión destes dous recoñecementos.

Para os asistentes, o Museo provincial é o de máis interese de toda Galicia e un dos máis relevantes a nivel estatal. Unha auténtica xoia que, consideran, debe ser máis coñecida.

Segundo o director da entidade, estes distintivos recoñecen a importante traxectoria do Museo de Pontevedra e supoñen diferenciarse nun mundo tan competitivo.

Ademais dos representantes da Deputación e do concello de Pontevedra, no acto participaron tres entidades da cidade que tamén conseguiron outras distincións ‘Q’ de calidade: Xose Cannas por Ultramar, Iñaki Bretal por Eirado da Leña e Meritxell Marcos, directora do Parador.