Un detido en Estribela por matar unha muller nunha lea presuntamente relacionada coas drogas

PONTEVEDRA> Detido un home en Estribela, en Pontevedra, como presunto autor da morte dunha muller de 33 anos. A vítima foi agredida cunha arma branca. O suceso produciuse esta madrugada nunha casa okupa da rúa Cunchidos e as pesquisas apuntan a que podería estar relacionado cun asunto de drogas. A Policía descarta que se trate dun crime machista. Os veciños aseguran que as pelexas e festas nesa vivenda eran frecuentes.

A rúa Cunchidos, no lugar de Estribela, en Pontevedra, amencía hoxe cun continuo ir e vir de axentes da Policía. Ao redor das 5 da madrugada na casa número 31 da rúa un home mataba a unha muller de 33 anos agredíndoa cunha arma branca e dándolle varios golpes na cabeza.

Moitos dos veciños aseguraban que non escoitaran nada do que sucedeu nesta vivenda durante a madrugada. E os que o fixeron, non lle deron importancia. A casa levaba anos okupada e eran frecuentes os problemas entre os habitantes.

Unha das persoas que si escoitou alboroto na casa foi o neto dunha das veciñas. Segundo explicou a súa nai, de madrugada sentiu como alguén pedía axuda. Cando marchou a traballar atopouse xa cunha quincena de policías e co presunto autor do crime esposado e ensanguentado.

O home foi detido pola Policía Local de Marín e trasladado despois pola Policía Nacional aos calabozos da Comisaría de Pontevedra. El non mantiña unha relación sentimental coa vítima polo que a Policía descarta un crime machista. As pesquisas apuntan a que estivo relacionado co consumo e o tráfico de drogas. A investigación continúa aberta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí