O PP afástase do seu candidato na Illa tras coñecerse que foi condenado por malos tratos no 2011

A ILLA> Terremoto político na Illa de Arousa a seis días das eleccións municipais. O Partido Popular afástase do seu candidato á alcaldía, Matías González, despois de que hoxe se coñecera que no 2011 foi condenado por malos tratos. A formación asegura que descoñecían a existencia desta sentenza e comprométense a que non formará parte do grupo municipal do PP da Illa, despois de que rexeitara abandonar a candidatura. Matías González, pola súa banda, asegurou a varios medios de comunicación locais que foi vítima dunha denuncia falsa.

A seis días das eleccións municipais o escenario complícase para o Partido Popular na Illa de Arousa. A última hora desta tarde a formación afastábase do seu candidato á alcaldía. Facíao despois de que se coñecera que Matías González fora condenado por malos tratos no ano 2011.

González Cañón, que nese momento tiña 22 anos, cumpriu unha pena de 25 días de traballos comunitarios por golpear na cara á que fora ata había uns meses a súa parella durante unha discusión na rúa. A muller sufriu a rotura dun dente e lesións leves na zona cervical.

Dende o Partido Popular provincial defenden que descoñecían a existencia desta sentenza. Nun comunicado aseguran que aborrecen a violencia de xénero e que unha persoa condenada por estes feitos non pode representar os valores do partido.

Así as cousas, afirman que Matías González non é afiliado ao PP, polo que non se lle poden aplicar os seus estatutos. Ademais, a pesares de que dende a formación se lle esixiu que abandonara a candidatura, o alcaldable negouse a facelo. Deixala é unha decisión estritamente persoal, explican os populares, polo que unha vez publicadas as listas electorais un candidato só deixará de selo por vontade propia.

Ante esta situación, o PP comprometeuse a que González Cañón non pasará a integrar o grupo municipal do Partido Popular na Illa de Arousa aínda que saia elixido.

Pola súa banda, Matías González declarou a varios medios de comunicación locais que foi vítima dunha denuncia falsa. Defende que non ten antecedentes penais e atribúe esta situación a unha filtración interesada do entorno do Partido Socialista.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí