Os pobrenses amosarán a súa cara máis solidaria na andaina contra o cancro

A POBRA> A xunta local da Asociación Española contra o cancro organiza o domingo día 19 unha andaina solidaria. Haberá dous percorridos, de 5 e 10 quilómetros, e diversas actuacións musicais e actividades infantís durante toda a mañá.

O 19 de maio terá lugar a segunda edición da andaina contra o cancro da Pobra. Dende a xunta local da AECC agardan colleitar o mesmo éxito que o pasado ano cando centros de persoas se sumaron a esta iniciativa solidaria. Programáronse dous percorridos, un de 10 quilómetros para os máis experimentados e outro da metade para todo tipo de públicos.

As inscricións poden realizarse xa en varios establecementos colaboradores así como nas mesas informativas que a asociación saca á rúa tódolos mércores e domingos. O prezo é de 5 euros para adultos e 3 para menores de 12 anos.

A organización da andaina conta coa colaboración do concello da Pobra que presta apoio loxístico así como dos efectivos de Protección Civil e da Policía Local.

Tamén numerosas empresas colaboran na iniciativa como Congalsa que proporciona o avituallamento ou a clínica dental López Castro que subvenciona unha actuación infantil que terá lugar na praza Alcalde Segundo Durán ó rematar a andaina. Haberá tamén unha sesión DJ e antes da saída unha actuación da escola de batukada de Marcos Outeiral que colabora desinteresadamente nesta cita solidaria.