RIBEIRA> Uns 65 nadadores participarán na sexta edición do Arousaman, unha travesía a nado entre O Grove e Ribeira que se celebrará o sábado 26 de xullo. Esta proba busca sensibilizar á poboación sobre o dano cerebral adquirido ó tempo que recada fondos para axudar ós afectados e ás súas familias.
Os participantes nesta travesía percorrerán as sete millas que separan a praia de Confín no Grove do areal ribeirense de Coroso; moitos deles sen neopreno. Unha proba dura que pretende simbolizar tamén a dureza do dano cerebral adquirido tanto para os afectados como para as súas familias.
Ademais de destacados nadadores como María Vilas ou Jorge Crivillés na proba tomarán parte deportistas con dano cerebral adquirido como Jeremías Mateo, Mario López ou Marta Vázquez que nadará acompañada de Pablo Mariño a bordo dun kaiak.
A véspera da proba celebrarase un encontro no auditorio de Ribeira con varios poñentes onde se abordará o papel do deporte e os hábitos de vida saudables para previr o dano cerebral adquirido. Dará comezo ás sete da tarde.











