UXT esixe á patronal do comercio da alimentación o desbloqueo das negociacións

PONTEVEDRA> O sindicato UXT esixe á patronal do comercio da alimentación o desbloqueo das negociacións para o novo convenio colectivo. Segundo explican dende a plataforma, o principal atranco é a mellora salarial que os sindicatos poñen sobre a mesa e da que a patronal non quere nin falar. Reclaman un incremento que axude a paliar a perda de poder adquisitivo dos últimos anos sufrida polos traballadores.

Despois de sete reunións, non houbo avances nas negociacións para o novo convenio colectivo no sector do comercio da alimentación da provincia de Pontevedra.

O incremento salarial é, segundo explican dende UXT, o principal atranco. A súa é a proposta máis alta: 1.600 euros lineais anuais máis, equivalentes a case un 11% na categoría de dependente. O que buscan é recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos tres anos.

Outra das demandas de UXT é que se limiten os pactos de horas complementarias. A día de hoxe poden aumentar ata nun 60% os contratos parciais. Estes son xeralmente a 20 horas semanais e afectan na súa maioría ás mulleres que traballan no sector.

O sindicato tamén criticou a actitude da CIG, á que acusan de desmarcarse da postura dos outros tres sindicatos, UXT, Comisións Obreiras e USO, que forman parte da mesa de negociación. Acusan á plataforma nacionalista de buscar un convenio galego que, aseguran dende UXT, suporía a perda do plus de antigüidade que se mantén na provincia de Pontevedra.