O Concello de Pontevedra asegura que o Plan de Saneamento da Xunta inclúe obras xa executadas

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra valorou hoxe o Plan de Saneamento da Ría presentado nos últimos días pola Xunta de Galicia. Un Plan que, segundo o goberno local, inclúe obras que xa están practicamente executadas.

Así definiu hoxe Carme da Silva o Plan de Saneamento da Ría presentado pola Xunta de Galicia. Unha das propostas recollidas neste documento é o colector do Gafos. Un proxecto que foi asumido en 2015 polo Concello de Pontevedra, despois de que a administración autonómica considerase, en 2011, que esta non era unha obra prioritaria. Agora, o goberno local recrimina á Xunta que inclúa este colector no Plan de Saneamento da Ría cando xa está practicamente rematado.

Outro dos puntos conflitivos deste Plan de Saneamento da Ría ten que ver co colector que vai de Cocheiras á EDAR de Praceres. Segundo o goberno local, neste tramo hai un problema de bombeo debido a unhas obras realizadas pola Xunta de Galicia.

A pesar de que a Xunta recoñeceu que o sistema de separativa de pluviais e fecais funciona ben no Concello de Pontevedra, no orzamento de 2021 incluíuse unha partida de 518.000 euros para a súa xestión. O goberno local espera que este diñeiro sexa investido en reparar o problema de Cocheiras.

Tras esta análise, o Concello de Pontevedra decidiu emitir á Xunta un informe no que se insta á administración autonómica a aclarar os prazos de todos os proxectos recollidos no Plan, así como tamén pedir que se refagan os cálculos e as súas previsións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí