Pontevedra celebra o Orgullo 2023 ‘tecendo redes’ para frear a violencia contra o colectivo LGBTIQA+

PONTEVEDRA> Tecer redes de diversidade, axuda e apoio para frear a violencia contra o colectivo LGBTIQA+. Esta será a principal reivindicación da programación do Orgullo 2023 en Pontevedra. Desenvolverase entre os días 12 e 17 de xuño, incluíndo palestras, encontros ou a xa tradicional Festa no parque do río dos Gafos.

Máis de 280.000 persoas do colectivo LGBTIQA+ sufriron agresións en España durante os últimos cinco anos. Ademais, preto do 30% padeceu algún tipo de acoso pola súa orientación sexual ou identidade de xénero. Son datos da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuais e máis que tamén recollen que só dúas de cada 10 persoas denunciaron. Por iso este ano o Orgullo en Pontevedra céntrase en frear esta violencia.

Baixo o lema ‘Tecendo diversidade contra a violencia’, o programa deseñado pola concelleira de igualdade desenvolverase entre o luns12 e o sábado 17 de xuño. Comezará o luns pola mañá co despregamento dunha instalación artística no balcón da Casa da Luz. Xa pola tarde celebrarase na praza da Peregrina unha homenaxe a Juan Ucha, coñecido como ‘Juanito o Meregildo’.

A programación completarase con palestras de autodefensa persoal e lei tras e acoso escolar LGBTIfóbico, encontros sobre saúde sexual, persoas discas na comunidade LGBTIQA+ e Persoas Queer e Deporte e contos de cores para a rapazada de 4 a 10 anos. Ademais, o sábado 17 o parque dos Gafos acollerá a Festa do Orgullo durante toda a xornada e pola tarde está convocada unha manifestación dende a Praza do Hospital ata a de España, onde se fará lectura do manifesto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí