Lousame oferta 100 prazas para os nenos que queiran participar no ‘Verán Activo 2023’

LOUSAME> Xa está aberto o prazo para inscribirse no obradoiro ‘Verán Activo’ de Lousame. Nesta edición haberá unha única quenda, entre o 10 e o 21 de xullo, e realizarase tan só en horario de mañá.

Atendendo ás demandas das familias, o concello de Lousame optou por organizar o Verán Activo deste ano nunha única quenda en horario de mañá. Desenvolverase entre o 10 e o 21 de xullo, de nove a dúas, coa excepción da saída ó Acuapark de Cerceda, prevista para o luns 17 que será durante todo o día.

A base destes campamentos situarase no polideportivo municipal da Silva pero haberá saídas practicamente a diario, compaxinando actividades deportivas e de auga. A rede de voluntariado colaborará na organización de todas estas actividades, incluídas as dúas voluntarias europeas que acaban de chegar de Turquía.

O prazo de inscrición para os empadroados no concello de Lousame estará aberto ata o 18 de xuño. De quedar vacantes, abrirase un prazo ata o 25 para solicitudes de veciños doutros municipios.

Ofertaranse un total de 100 prazas cun custo de 45 euros para veciños de Lousame e 65 para empadroados noutros concellos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí