Máis dun cento de nadadores percorrerán a distancia entre a Illa de Rúa e o Náutico de Ribeira

RIBEIRA> 133 deportistas tomarán parte na V Travesía a Nado Illa de Rúa. A proba, en beneficio da Asociación Española contra o Cancro, disputarase este domingo en augas ribeirenses.

Un ano máis, e xa van cinco, a xunta local da AECC de Ribeira volve promover a Travesía a Nado Illa de Rúa. Aínda que a proba deportiva celebrarase este domingo, os actos comezarán xa o sábado cunha charla sobre exercicio terapéutico oncolóxico ás seis da tarde nas instalacións do Club Náutico de Ribeira.

O domingo, os 133 participantes, sairán ás once e media dende a Illa de Rúa a onde serán trasladados previamente en catamarán. Realizarán un percorrido de catro quilómetros e medio ata o porto deportivo nun tempo que oscilará entre os 50 minutos e as dúas horas.

Ó remate da competición terá lugar a entrega de trofeos ós gañadores. Entre os favoritos destacan o boirense Hugo Sanlés, gañador do pasado ano, ou a deportista local Sabela Pensado. O acto pecharase coa distinción óss irmáns Juan Ramón e Manolo Martínez polo seu labor na organización do Arousa Man en favor dos afectados polo dano cerebral adquirido.