Arranca en Ribeira o Encontro de Embarcacións Tradicionais máis internacional

RIBEIRA> Xa está en marcha o Encontro de Embarcacións Tradicionais que se celebra en Ribeira. Entre os numerosos participantes destaca unha delegación de carpinteiros de ribeira procedente de Chile que esta mañá foi recibida por representantes do concello.

O encontro de embarcacións tradiiconais volve ás súas orixes retornando a Ribeira, localidade que o veu nacer aló por 1993.

Faino na súa edición máis internacional con delegacións chegadas de toda Europa e mesmo de América cunha representación de Chile.

O concello de Ribeira quixo brindar unha recepción ós integrantes deste colectivo que coa súa participación no encontro busca compartir experiencias e estreitar lazos entre as culturas marítimas de ámbolos dous países.

Dende o concello fixéronlle entrega das cartas náuticas da Ría de Arousa de Domingo Fontán. Pola súa banda, o alcalde recibiu de mans dos membros da delegación chilena unha maqueta dunha embarcación tradicional así como unha publicación sobre a carpintería de ribeira no país austral.