María Rivas visita as actuacións de estabilización do bordo litoral executadas en Mañóns

BOIRO> A subdelegada do goberno na Coruña visitou esta mañá o concello de Boiro para coñecer as actuacións que está a executar a Demarcación de Costas no municipio. Acompañada polo alcalde e o xefe de Costas achegouse ata a praia de Mañóns onde se construíu unha estrutura para evitar os arrastres de terra procedentes do piñeiral.

A praia boirense de Mañóns contará este verán cun novo elemento multifuncional para o uso de veciños e visitantes. Ademais de servir como bancada, esta estrutura contribúe a estabilizar o bordo litoral freando o proceso de regresión que provocaba a caída dos noiros dende o piñeiral adxacente ó areal.

Na súa aposta pola economía sostible e circular, o Ministerio de Transición ecolóxica a través da demarcación de Costas executou esta instalación reciclando materiais doutras actuacións que está a desenvolver na comarca.

Ademais desta obra, que supuxo un investimento próximo ós 25 mil euros, a demarcación de costas do estado ten en marcha outros proxectos en Boiro como a futura senda litoral da ladeira do Chazo.