A POBRA> Usuarios da piscina municipal da Pobra demandan a instalación dunha varanda de seguridade para que as persoas con mobilidade reducida poidan introducirse na auga.
Denuncian que, na actualidade, non existe ningún sistema de protección ou apoio para evitar caídas cos consecuentes riscos para os usuarios, moitos deles de avanzada idade ou con dificultades de mobilidade.
Non é este o único problema de accesibilidade posto que tan só é posible acceder ó andar superior a través das escaleiras. Piden, por esta razón, a instalación dun ascensor para poder facer uso do ximnasio. A pesar de ter presentado xa tres escritos por rexistro aínda non obtiveron resposta por parte da administración.