Os sobreviventes do naufraxio do Nuevo Marcos reclaman nos xulgados as indemnizacións non cobradas

PONTEVEDRA> Seis anos despois do naufraxio do Nuevo Marcos, en Poio, os dous sobreviventes non recibiron aínda ningunha compensación económica. Hoxe celebrouse un novo xuízo no xulgado do social no que reclaman 700.000 euros á armadora do buque para compensar os danos que sufriron eles mesmos e a morte dos seus pais no afundimento. Din que o Nuevo Marcos non tiña seguro de responsabilidade civil e que dous dos tripulantes, un dos sobrevivintes e un dos falecidos, non estaban dados de alta.

Os dous sobreviventes do naufraxio do Nuevo Marcos volveron revivir esta mañá o sucedido na ría de Pontevedra á altura de Combarro. En abril de 2017 o pesqueiro colidía contra unha batea e afundía, deixando tres falecidos dos cinco tripulantes, entre eles o patrón. A causa foi arquivada pola vía penal e hoxe xulgouse no xulgado do social de Pontevedra.

Carlos Carballa e Adrián Ligero reclaman en total 700.000 euros polos danos sufridos e pola perda dos seus pais. Seis anos despois do afundimento, non recibiron ningunha compensación. No seu informe, a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos sinala que o naufraxio debeuse ao factor humano e que a tripulación non foi consciente da gravidade.

Tralo accidente, o patrón non deu aviso de emerxencia. Decisión que Carballa atribúe a que o barco estaba en zona prohibida, non tiña seguro de responsabilidade civil e dous mariñeiros, el e máis seu pai, non estaban dados de alta.

Foi Carlos quen deu a voz de alarma. Botou a nadar dende o barco e xa na costa localizou a unha persona que notificou o naufraxio. Pero non puido salvar a vida de dous dos compañeiros. Entre eles, a de seu pai.

Por iso, asegura, está disposto a chegar a onde faga falta e poder pechar este duro capítulo da súa vida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí