POIO> A Xunta de Galicia traballa na solicitude ao Goberno do Estado para que se declare as áreas das rías como zonas catastróficas. En concreto, zonas afectadas gravemente por unha emerxencia. O impacto das altas temperaturas da auga, os temporais dos últimos meses e as caídas na salinidade das rías están a provocar unha mortaldade masiva do marisco, golpeando duramente ao sector.
Que as áreas das rías galegas afectadas pola alta mortaldade dos moluscos sexan declaradas como zonas catastróficas. É o obxectivo da Xunta de Galicia que xa traballa para trasladar esta petición ao Goberno do Estado.
Esta declaración é unha demanda trasladada ao Consello Galego de Pesca pola Federación Provincial de Confrarías. Sería unha medida excepcional que abranguería a todos os afectados.
As altas temperaturas que se acadaron nas rías e o exceso de auga doce polas fortes chuvias que acompañaron os temporais de outubro e novembro arrasaron co marisco en varias zonas, sobre todo nas rías de Pontevedra, Arousa e Vigo. As confrarías apuntan a que a mortaldade do berberecho supera o 95%. Na ameixa xapónica chegaría ao 75%.
A patroa da confraría de Lourizán recordou que na provincia de Pontevedra son preto de 3.000 familias as afectadas por esta situación.
Vázquez alertou tamén doutro problema que sofre o sector: a entrada de marisco foráneo nos mercados. Algo que complica aínda máis a supervivencia do marisqueo galego.











