David Regades reclama a Ana Pastor un debate para abordar os temas da provincia de Pontevedra

PONTEVEDRA> O Partido Socialista de Pontevedra quere un debate a nivel provincial de cara ás eleccións xerais do 23 de xullo. Hoxe o seu cabeza de lista, David Regades, anunciou que xa lle enviaron unha carta á súa homóloga do Partido Popular, Ana Pastor, con esta reclamación. A súa intención é que poidan debater sobre os programas electorais de cada partido co foco posto na provincia pontevedresa. Na proposta, asegurou Regades, terían cabida outras formacións.

David Regades quere debater con Ana Pastor. O cabeza de lista do PSdeG ao Congreso pola provincia de Pontevedra trasladou xa esta reclamación á número 1 do Partido Popular.

Regades fai a proposta sen máis condicións. O lugar, a hora ou o medio de comunicación poden ser escollidos pola candidata popular. Así as cousas, a proposta é extensible a outras forzas políticas.

O socialista quere comparar o feito polo Goberno central do PSOE co legado que deixou o executivo de Mariano Rajoy. Regades sinalou directamente a Pastor, nalquel momento Ministra de Fomento, como a responsable de moitas promesas incumpridas coa provincia.

O socialista pon tamén o foco noutras dúas cuestión. Dunha banda, a xestión da auga, para garantir o abastecemento con cargo a fondos do Ministerio de Transición Ecolóxica. Da outra, as políticas sociais, como becas, pensións ou salario mínimo interprofesional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí