CAMBADOS> A fin de semana do Albariño 2020 transcorreu en Cambados con tranquilidade. O goberno agradeceu o bo comportamento dos veciños e dos locais de ocio nocturno, durante a que se consideraba a semana máis difícil do verán. De feito, a policía só realizou 18 denuncias e tivo que intervir nunha festa privada.
Extremáronse as precaucións e reforzáronse os controis, pero finalmente a fin de semana do Albariño 2020 transcorreu sen incidencias importantes. Ata a mañá do domingo só se contabilizaron dezaoito infraccións.
Dúas das sancións foron en dous locais por exceder o número de mesas autorizadas nas terrazas, dez por non utilizar a máscara e dúas por consumir bebidas alcohólicas na rúa. Ademais, catro condutores foron denunciados nos controis de alcoholemia.
Cordal agradeceu a responsabilidade da veciñanza e, sobre todo, da mocidade. Xa que conseguiron superar sen problemas importantes a que se consideraba a semana máis difícil do verán cambadés.
Precisamente, para diminuír o posible efecto chamada, o executivo decidiu non programar atraccións, concertos ou verbenas durante a semana pasada.