Arousa Bay, Cantos da Terra e Lendaria protagonizan a Gala Solidaria de Cáritas Arousa

VILAGARCÍA>  Cáritas Arousa celebrará este venres en Vilagarcía a súa Gala Solidaria. A cita, que acada xa a súa vixésimo oitava edición, reunirá no auditorio da cidade a Arousa Bay, Cantos da Terra e o grupo de danza Lendaria. O evento busca recadar fondos para os distintos proxectos que desenvolve a entidade na comarca. Na organización agardan mesmo superar a recadación récord do ano pasado, cando conseguiran xuntar máis de 2.000 euros.

Música e danza daranlle forma este venres á Gala Solidaria de Cáritas Arousa. A entidade leva 28 anos organizando este evento, que lles permite recadar fondos para os distintos proxectos sociais que desenvolven na comarca.

A gala vai ter lugar no auditorio de Vilagarcía, a partir das 8 da tarde. Na organización agardan unha moi boa participación, na liña dos últimos anos. Fan un chamamento á colaboración da veciñanza, para que aporten o seu gran de area  a través da compra de entradas, cun prezo de cinco euros. Tamén animan a mercar rifas para os sorteos que celebrarán durante o acto.

Na parte musical, a gala de Cáritas contará coas actuacións de Arousa Bay e Cantos da Terra.

Tamén haberá unha exhibición de danza, da man de Lendaria. Será o broche final a un acto que estará conducido polo noso compañeiro de Canal Rías Baixas Dani García. 

A organización confía superar a recadación récord do ano pasado, cando conseguiran xuntar máis de 2.000 euros.