As negociacións entre o PP e Cambados Pode, rotas

CAMBADOS> O futuro goberno local de Cambados é aínda unha incógnita. Hoxe a candidata do Partido Popular comparecía ante os medios para anunciar que as negociacións con Cambados Pode están rotas. Segundo Sabela Fole, a oferta do PP non foi suficiente para convencer a José Ramón Abal que reclamaría a alcaldía rotatoria. Unha petición que supón unha liña vermella para os populares.

As negociacións entre Partido Popular e Cambados Pode para deseñar o futuro goberno cambadés están rotas. Así o anunciou este mediodía a candidata do PP, Sabela Fole.

Segundo Fole, os populares estaban dispostos a entregar a José Ramón Abal as concellerías que xestionara cando formara parte do cuadripartito no período 2015-2019, Enoturismo e Obras. Ademais, porían sobre a mesa unha liberación e incorporar ao plan de goberno os 14 puntos do programa de Pode.

Pero a rotura chegou no momento de abordar a alcaldía. Pode tería reclamado ao PP que fora rotatoria. Unha liña vermella para os populares.

Para Sabela Fole, a pelota está agora no tellado de José Ramón Abal. Pendentes de se anuncia a súa decisión antes do sábado ou se, ao igual que no 2015, non a dá a coñecer ata o momento da votación no propio pleno de investidura.

Pola súa banda, o Partido Socialista non cre que as negociacións entre PP e Pode estean completamente rotas. O seu candidato, Samuel Lago, asegurou que eles tamén están agardando unha decisión de José Ramón Abal. Lago explicou que lle presentaron unha oferta sobre programa, áreas e funcionamento de goberno, dándolle máis protagonismo. O que non está en discusión, asegurou o candidato socialista, é a alcaldía.