Comeza en Valdecorvos a construción de 74 vivendas públicas co 50% reservado para menores de 36 anos

PONTEVEDRA> Comeza en Pontevedra a construción de 74 vivendas de promoción pública no barrio de Valdecorvos. O proxecto supón un investimento de 14,2 millóns de euros da Xunta de Galicia, que pretende ter os traballos rematados a principios do 2026. Ademais, o 50% destas vivendas reservaranse para os menores de 36 anos.

A principios do 2026, Pontevedra incorporará 74 novas vivendas ao seu parque de vivenda de promoción pública. Hoxe comezaron a construírse no barrio de Valdecorvos.

Nesta promoción, a Xunta inviste 14,2 millóns de euros. Son catro bloques con planta baixa, locais comerciais, 174 prazas de garaxe e 74 rochos. Das 74 vivendas, o 50% reservaranse para os menores de 36 anos.

En Pontevedra, a Xunta ten prevista a construción de máis vivenda pública. Actualmente conta con dúas parcelas máis en Valdecorvos onde se levantarán 104 pisos. Ademais, o goberno autonómico xa adiantou que aceptará tres das sete parcelas ofrecidas polo concello para este tipo de proxectos.

Estes solares sitúanse en Valdecorvos, na rúa Ernestina Otero, nos antigos terreos de Tafisa, e na rúa das Devesas, no barrio da Parda.