A rapazada do IES Castro Alobre implícase na dinamización do galego aproveitando o Día de Rosalía

VILAGARCÍA> No Instituto Castro Alobre de Vilagarcía conmemoraron hoxe o Día de Rosalía. A rapazada do centro participou nun concurso de deseño de colgadores para móbiles inspirados na poetisa. As mellores propostas incorporáronse a unha creación conxunta coa que aproveitan para recadar fondos para as actividades de dinamización lingüística do instituto.

No instituto Castro Alobre de Vilagarcía Rosalía está estes días máis presente que nunca. O alumnado do centro participou nunha actividade coa que se pretende homenaxear á poetisa de Padrón ao tempo que se fomenta o uso do galego entre a rapazada. Elaboraron máis dun cento de deseños para colgadores inspirados na autora.

E nese proceso de selección escóllense os mellores deseños que pasan a formar parte destes colgadores de Rosalía. Puxéronos á venda a un euro para recadar fondos para o Equipo de Dinamización Lingüística.

Detrás desta iniciativa que organizaron no centro con motivo do Día de Rosalía está todo o equipo de normalización lingüística, composto este ano por 13 persoas.

Pero a pesar da impliación da rapazada a súa misión non está sendo doada. O alumnado implicado na dinamización do galego neste centro recoñece que custa dar o paso e animarse a falar na nosa lingua.

Así que o seu empeño é seguir desenvolvendo campañas como esta e outras moitas iniciativas para que de novo falar en galego neste instituto sexa algo tan normal como escoitar polos corredores á rapazada falando en castelán.