O sector do metal ameaza con folga indefinida se non hai acordos antes do día 18

VILAGARCIA> O sector do metal ameaza cunha folga indefinida se as negociacións coa patronal se manteñen estancadas. Os sindicatos paralizan polo de agora as mobilizacións trala advertencia dos empresarios de que non se sentarían a negociar mentres continuasen as manifestacións. Toman esta decisión agardando que a patronal se reúna con eles e aporte propostas serias. Tamén poñen unha data límite, se o día 18 non hai avances, o sector do metal entrará en folga indefinida.

Tras seis xornadas de folga de forma interrompida, o sector do metal dará unha tregua á patronal. Os sindicatos toman esta decisión trala advertencia dos empresarios de que non se sentarían a negociar mentres as mobilizacións continuasen.

Unha tregua que ven con ameaza, xa que se chegado a ese día non hai avances, a folga do metal será indefinida.

Os sindicatos agardan que con esta paralización das folgas, a patronal acepte as súas reivindicacións.

Precisamente, este venres, o sector tivo en Valga unha nova manifestación na que participaron máis de 500 traballadores.

Con esta ameaza, os sindicatos queren mandarlle dúas mensaxes aos empresarios, en primeiro lugar que o seu obxectivo é negociar e que se melloren as condicións dos traballadores e en segundo lugar que non cederán ante chantaxes e ameazas.