Sanxenxo iza as bandeiras azuis dos seus sete sendeiros que garanten a calidade do seu percorrido

SANXENXO> Sanxenxo iza as bandeiras azuis en sete dos seus sendeiros. Estes estandartes garanten que os camiños están protexidos, ben informados e que son coidadosos co medio ambiente. Dende o concello destacan estes recoñecementos para poñer en valor o patrimonio natural da vila e mostrar aos visitantes que Sanxenxo é máis que sol e praia.

Ademais de ser o concello con máis bandeiras azuis de España, Sanxenxo tamén é a vila con máis sendeiros azuis de todo o país. O concello xunto con representantes do sector turístico e da Adeac realizaron este martes o acto simbólico de izado das bandeiras. O acto tivo lugar no sendeiro máxico da Lanzada.

Dende a Adeac sinalan que Sanxenxo é un exemplo de coidado do medio ambiente e de posta en valor do seu patrimonio. Uns coidados que lle permiten cumprir con todos os parámetros necesarios para contar con estes recoñecementos. Requisitos que pasan por informar de toda a información natural e cultural que rodean ao sendeiro, información do traxecto e que conste con infraestruturas como cubos do lixo.

Dende o sector turístico da vila sinalan que estes recoñecementos axudan a promocionar o turismo e aumentar a oferta da vila.

Dende o concello de Sanxenxo teñen por obxectivo conseguir o oitavo sendeiro o vindeiro ano co sendeiro do Dorrón.