Esquerda Unida formará parte da oposición de Vilagarcía ‘tralas negativas do PSdeG a negociar’

VILAGARCIA> Esquerda Unida anuncia que fará oposición contra o goberno de Alberto Varela. A formación liderada por Fajardo critica que os socialistas non mostraron ningún interese por gobernar ou chegar a acordos coa súa formación. Tamén denuncian que o PSOE ten aínda en marcha moitos proxectos que xa tiñan que estar rematados.

As últimas eleccións depararon en Vilagarcía 9 concelleiros para o PSdeG, 2 para o BNG e un para EU. Un resultado que obrigou aos socialistas a necesitar o apoio de dous concelleiros para poder gobernar. Ambas formación apoiaron a Alberto Varela e agardaban chegar a acordos co seu equipo. Uns acordos que non chegaron, ao menos pola parte de EU. A formación liderada por Juan Fajardo denuncia que os socialistas non mostraron ningún interese en negociar e que a partir de agora farán oposición. 

Dende Esquerda Unida denuncian que o pleno de organización xa debería de estar convocado, e cren que Varela esta agardando a despois das eleccións xerais para anunciar os salarios.

De feito, dende a formación, consideran que o goberno de Vilagarcía está parado e que teñen en marcha proxectos que xa deberían estar rematados.

A formación de Fajardo advirte que fará unha oposición dende o diálogo pero esixindo que se cubran as necesidades dos vilagarciáns.

Dende Esquerda Unida continuarán loitando para que os socialistas escoiten as peticións do se programa. Medidas como un pavillón en Fexdega, un centro de día ou unha residencia para maiores.