MEIS> Meis presenta unha nova edición da feira anual do cabalo con numerosas novidades. A primeira delas é que feira celebrará un paseo cabalar en homenaxe a Manolo Pérez, coñecido como o Rochelo. Outras das novidades é que a feira recupera o concurso morfolóxico e celebrará unha carreira de burras e ponis para a cativada.
O concello de Meis recupera este 2023 a feira anual do cabalo tal e como se facía antes da pandemia pero engadindo numerosas novidades. A feira celebrarase o 15 de agosto cunha programación de actividades que terán lugar ao longo de todo o día. Trala apertura das 8 e media, ás 10 terá lugar a primeira edición do paseo cabalar o Rochelo. Unha homenaxe a Manolo Pérez.
A partir das 10 e media terá lugar o concurso morfolóxico que rematará cunha comida popular. Pola tarde haberá numerosas probas.
Precisamente, o concurso morfolóxico regresa tras dez anos sen celebrarse. Haberá 12 probas diferentes nas que competirán os cabalos, eguas, poldros e poldras segundo a súa categoría.
E entre as actividades da tarde, destaca a novidade da carreira de ponis e burros para nenos e nenas.
Cabe destacar que as inscricións nos diferentes eventos realizaranse o propio día. Ademais o paseo cabalar percorrerá zonas da vila como o centro de Mosteiro, espazo no que tamén se estará celebrando o novo mercado, co que se agarda unha gran afluencia de persoas o día 15 no concello de Meis.