PONTEVEDRA> Seguindo coas campañas de apoio ao comercio local, o Concello de Pontevedra presentou hoxe “Atende ao Teu”. Unhas xornadas fotográficas coas que se busca poñer en valor os establecementos de proximidade. Ademais, os protagonistas desta iniciativa serán os nenos de entre 8 e 12 anos, que serán os encargados de fotografar os diferentes locais.
Pontevedra pon en marcha a iniciativa “Atende ao Teu”. Un programa municipal no que os máis pequenos serán os encargados de dar visibilidade e poñer en valor os comercios de proximidade. Farano nunhas xornadas fotográficas nas que percorrerán diferentes establecementos da cidade buscando a instantánea perfecta.
“Atende ao Teu” celebrarase en dúas xornadas nas que haberá grupos de 8 rapaces por sesión. A primeira, o 17 de outubro e, a segunda o 24. Cada día haberá dúas rutas pola cidade. Unha ás 10:00 horas e outra ás 12:00 horas. O obxectivo é que os máis pequenos logren mostrar, a través das diferentes fotografías, os beneficios de mercar no comercio local.
Con todas as imaxes realizadas ao longo desta campaña, o Concello creará unha pequena exposición a mediados de novembro.
Esta iniciativa levarase a cabo en colaboración co colectivo Taller Abierto. Todos os que precisen máis información, poderán poñerse en contacto con eles a través do correo electrónico “contacto@tallerabierto.info”.