Rianxo contará cun novo obradoiro de garantía xuvenil

RIANXO> Será o ‘Carnero Valenzuela 2’. Nel darase formación a un total de dezaseis alumnos-traballadores na especialidade de confección e publicación de páxinas web. As persoas interesadas en formar parte desta experiencia formativa deberán estar desempregadas e inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

A Xunta de Galicia, a través da consellería de Economía e Industria vén de concederlle un novo obradoiro de garantía xuvenil ó concello de Rianxo por un importe total duns 370 mil euros. Levará por nome ‘Carnero Valenzuela 2’, e nel, darase formación a un total de dezaseis mozos da localidade na especialidade de confección e publicación de páxinas web.

Dende o Concello fan un chamamento a todos aqueles mozos interesados, e que cumpran os requisitos esixidos, a que presenten a súa solicitude para formar parte desta experiencia formativa-laboral.

Será o segundo obradoiro que reciba Rianxo no último ano. Na actualidade está a piques de concluír  outro  taller de emprego de carácter dual na especialidade de instalación de placa de xeso laminado e falsos teitos que se encargou da reforma da segunda planta da Clínica Vella na que está previsto habilitar a futura aula de música municipal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí