SALNÉS> A socialista Marta Giráldez mantense á fronte da Mancomunidade do Salnés. O órgano celebrou o sábado o seu pleno de investidura e os apoios dos socialistas e do BNG, xunto co do concelleiro de Meaño Independente José Aspérez, foron suficientes para revalidar o seu cargo. Pero a sesión chegou tamén con sorpresa: a pesares do acordo existente no concello meañés, os dous representantes do BNG non apoiaron a Aspérez como vicepresidente. Así a vicepresidencia quedou, polo de momento, deserta e o concelleiro de Meaño Independente non descarta retirar o seu apoio a Giráldez.
O pleno de investidura da Mancomunidade do Salnés comezou seguindo o guion agardado. Marta Giráldez revalidou a presidencia cos votos a favor do PSOE, do BNG e tamén do edil de Meaño Independente, José Aspérez.
A sorpresa chegou na votación para nomear un vicepresidente. Aspérez presentou a súa candidatura, segundo o pactado co PSOE. Pero os dous representantes do BNG desmarcáronse do acordo e optaron pola abstención.
O líder de Meaño Independente non agochou a súa sorpresa e o seu enfado e incluso abriu a porta a buscar novos acordos. Non desbotou unha posible moción de censura.
Tamén confesou a súa sorpresa a xa presidenta da Mancomunidade. Marta Giráldez asegurou trala sesión que o seu compromiso con Aspérez continúa, apoiando a súa candidatura á vicepresidencia.
Dende o BNG defenden que a súa postura debeuse a que a votación da vicepresidencia non foi acordada. E que precisamente foi esta falta de acordo o que derivou no seu posicionamento. Así as cousas, aseguran estar dispostos a sentar a negociar para pechar unha vicepresidencia que a día de hoxe continúa vacante.