Arranca a campaña do libre marisqueo con pouco optimismo no sector

A ILLA DE AROUSA> Arranca a campaña do libre marisqueo e faino sen moito optimismo no sector. A escaseza de produto en zonas como Os Lombos do Ulla son unha mostra da situación na que se atopan estas zonas de traballo comúns das confrarías arousás. Este ano, ademais, os pósitos tiveron que enfrontarse a un novo reto: botarse ó mar sen datos oficiais dos estado dos bancos. A Xunta este ano non os facilitou e nin tan sequera convocou ó sector a un encontro previo para analiza-los topes.

Comezou outubro e con el a campaña do libre marisqueo. Este ano as confrarías non foron informadas pola Xunta do estado no que se atopan os recursos nesas zonas de traballo común. O executivo galego, de feito, nin tan sequera convocou ó sector ó encontro previo para analiza-los topes e as estratexias extractivas. Así que, desta volta, botarse ó mar tivo para os mariñeiros un factor engadido: non sabían co que se ían atopar. E seica que o achado non foi moi positivo.

O certo é que hoxe non se deron as condicións óptimas para o arranque da campaña: o vento no mar dificultou as tarefas. A isto hai que sumar que os primeiros días son, tradicionalmente, complicados, no en tanto que os mariñeiros atopan os mellores lugares para faenar.

Con todo, a escaseza de recursos xa se veu detectando na recta final da pasada campaña. A tan demandada recuperación dos bancos de libre marisqueo segue sen chegar e iso evidénciase en zonas tan fundamentais como, por exemplo, Os Lombos do Ulla.

Ante a falta de rexeneración, seis confrarías da ría de Arousa decidiron mergullarse nun novo modelo de xestión destas zonas comúns. Cambados, A Illa, Vilanova, O Grove, Rianxo e A Pobra traballan unidos nun plan, a través do colectivo Rañeiros. De saír adiante, comezaría a aplicarse o 1 de xaneiro de 2019, xusto pola metade da campaña do libre, que se vai prolongar ata o mes de marzo.