A música tradicional reúne a centos de veciños no Encontro de San Roque en Cespón

BOIRO> A música e o baile encheron esta fin de semana a parroquia boirense de Cespón no Encontro Tradicional de San Roque que organiza a asociación Abeloura. Unha ducia de agrupacións amosaron o seu bo facer neste serán tradicional que acabou cunha foliada popular.

A parroquia boirense de Cespón acolleu este sábado o Encontro Tradicional de San Roque. Dende as cinco e media da tarde os nenos, e non tan nenos, tiveron ocasión de disfrutar de numerosos xogos tradicionais no Campo de San Roque.

A partir das 7 deu comezo xa o Serán Tradicional no que ademais de ABELOURA, asociación organizadora, participaron os grupos Mar de Cabo Cantareiras, Nunca é Tarde, Garridiñas, Centenarios, Os da Boina, Sivalveiras, O Son do pote e Rianxeiras da Covecha.

Se ben a música e o baile tradicional alimentaron ó espírito había tamén que botarlle algo ó corpo polo que se serviu churrasco, callos con garbanzos e bebidas a prezos populares. Así os numerosos asistentes colleron folgos para desfrutar da xonrada que se prolongou ata ben entrada a noite cos concertos de Abril e Río de Anxo. 

O encontro rematou coa foliada popular A arrancadeira na que os veciños se foron sumando cos seus popios instrumentos.  O encontro conta coa colaboración do concello de Boiro e a Deputación da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí