O actor Antonio Garrido inaugura mañá as festas do Carme de Porto do Son

PORTO DO SON> Mañá arrancan en Porto do Son cinco días de festa na honra da Virxe do Carme. O actor Antonio Garrido será o encargado de inaugurar as celebracións que inclúen unha ampla oferta de actividades para nenos e maiores.

Porto do Son estira o verán cunha das súas citas festivas máis emblemáticas. Mañá darán comezo as celebracións da Virxe do Carme coa lectura do pregón a cargo do actor Antonio Garrido e a recuperación do tradicional desfile de cabezudos e gaiteiros.

O venres ás dez e media terá lugar a misa e procesión do Carme, tanto por terra como por mar. Este, xunto coa romaría do Loreto, que se celebrará o sábado constitúen dous dos eventos máis destacados do programa festivo.

O domingo e o luns seguirán os actos relixiosos con misa e procesión na honra de San Roque e da Caridade respectivamente.

Completan o programa unha ampla oferta de actividades infantís, obradoiros como o que impartirá a asociación de redeiras, unha festa das cores e actuacións musicais con orquestras como a París de Noia e solistas da talla de Rocío Soto. A tirada dos fogos de artificio e a Festa da auga poñen o broche de ouro ós festexos o luns día 11.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí