RIANXO> A Policía Local de Rianxo publicou o seu balance anual no que destaca un descenso da sinistralidade viaria en 2022, cunha redución do 17 por cento dos accidentes en estradas de titularidade municipal. Destaca tamén a actividade da unidade VIOXEN con 432 dispositivos de vixilancia e control efectuados.
A Policía Local de Rianxo realizou un balance moi positivo da actividade desenvolvida por este corpo ó longo de 2022. As chamadas e servizos atendidos incrementáronse un 22 por cento roldando os dez mil. En materia de seguridade viaria, a policía rianxeira atendeu 104 accidentes fronte ós 115 do 2021 e realizou controis a preto de 36.500 vehículos en colaboración coa Xefatura Provincial de Tráfico e a agrupación de Tráfico da Garda Civil.
Tramitáronse en total 732 denuncias relacionadas sobre todo con documentación e condicións dos vehículos, condución baixo os efectos do alcol ou das drogas e excesos de velocidade.
Así mesmo, tramitáronse 30 atestados á autoridade xudicial, 17 deles por delitos contra a seguridade viaria, 3 por violencia de xénero e 10 por outros supostos. Por último, destaca a actividade da unidade VIOXEN con 432 dispositivos de vixilancia e control efectuados, 150 sobre agresores.