NOIA> Despois dun ano, os vinte alumnos do obradoiro de emprego na especialidade de actividades auxiliares de conservación e mellora de montes levado a cabo de xeito conxunto polos concellos de Noia e Lousame, daban por concluída a súa experiencia formativo-laboral.
Fixérono co acto oficial de clausura, no que se procedeu tamén á entrega de diplomas a cada un dos participantes.
O acto estivo presidido pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Na súa intervención felicitou ós alumnos polo seu traballo, ó tempo que destacou a importancia deste tipo de iniciativas levadas a cabo pola Xunta, que buscan mellorar a empregabilidade.
Unha cuestión esta, da inserción laboral, na que incidiron tamén os responsables municipais de ambos concellos.
Dende a Xunta destacaron tamén este tipo de iniciativas que reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais.
Na convocatoria deste ano, na provincia da Coruña haberá 6 novos obradoiros deste tipo, entre os que se atopa de novo o de Noia e Lousame, cun investimento total de máis de 2,5 millóns de euros.











