LOUSAME> O comité de empresa de FCC, concesionaria da planta de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos de Lousame reclama unha maior implicación por parte dos concellos que integran a Mancomunidade Serra do Barbanza.
Á falla de apenas uns días para que caduque a concesión da planta que xestiona a empresa FCC, a entidade vén de plantexar unha prórroga do contrato de dous anos, ampliable a un máis, nas mesmas condicións que existen na actualidade. Algo que lle parece insuficiente ós propios traballadores.
A tan só dous días da finalización do contrato entre FCC e a Mancomunidade Serra do Barbanza para a xestión da planta de compostaxe de Servia, non está clara aínda a continuidade do servizo. A intención da entidade supramunicipal é propoñer á empresa unha prórroga de dous anos ampliable a un máis, algo que non convence ós traballadores. Hai anos que veñen advertindo, ó igual que o BNG, da necesidade de elaborar novos pregos e sacar a concurso a concesión.
Ademais das condicións dos traballadores, preocupa a falla de capacidade do vertedoiro no que actualmente se depositan os residuos non recicables. A empresa non dispón dunha alternativa provisional polo que se vería obrigada a trasladalos a SOGAMA.
Tamén demandan modificacións na planta para cumprir coa nova normativa europea que implica o remate do modelo húmido-seco en beneficio do sistema de xestión de 5 fraccións. O próximo luns está prevista unha xuntanza do comité de empresa para analizar o novo escenario que se abre a partir do fin da concesión.