A POBRA> Á vista de que a súa última proposta non callou, a de investir ó candidato de Veciños Independentes da Pobra, Eloy Sobrido, coma o novo alcalde, o BNG volve presentar outra alternativa para evitar a chegada do PP a alcaldía e desbloquear as negociacións, polo de agora en punto morto.
Os nacionalistas, co beneplácito xa de VIP, que estaría disposto a aceptar esta proposta, aluden a que o futuro goberno estaría formado pola totalidade das persoas elixidas concelleiras nas candidaturas de Nós Pobra, BNG, PSOE e VIP. Propoñen tamén darlle a alcaldía a Nós Pobra, ó ser a candidatura más votada das catro formacións que sustenta o acordo de goberno.
Mais esta non podería ser asumida por ningunha das persoas que formaron parte de anteriores mandatos, apartando claramente o ata de agora rexedor, Xosé Lois Piñeiro, do bastón de mando.
O BNG confía en que esta iniciativa acabe frutificando de cara ó pleno de investidura da vindeira semana, e así poder constituír un goberno estable que sexa quen de dar resposta ás necesidades do Concello.