NOIA> Unha semana despois da súa comparecencia nos Xulgados de Noia, coñecemos o auto da xuíza que decidiu o sobresemento da causa e o arquivo das actuacións, ó entender que non se apreciaba a existencia de delito algún por parte dos membros de Ecoloxistas en Acción.
A denuncia fora presentada polos representantes da firma que explota o complexo mineiro de San Finx a raíz dun acto de protesta que consistiu no taponado, durante uns breves momentos, do tubo a través do que a empresa realiza vertidos.
Tanto dende a entidade ecoloxista como tamén dende a Plataforma comarcal contra as verteduras da mina mostraron a súa satisfacción por esta decisión da xuíza, que coincide co que eles mantiñan dende un principio, ó considerar que se trataba dunha denuncia falsa e infundada con afán intimidatorio, coa que a empresa pretendía silenciar as protestas como parte dunha campaña de acoso xudicial.











