Uns trescentos patinadores competirán en Noia na II Fase Categoría Rexional

NOIA> Esta vindeira fin de semana, sábado 14 e domingo 15, disputarase en Noia a segunda fase do Campionato galego na categoría rexional. A competición, organizada polo Club Noia Patín e a Federación Galega de Patinaxe, desenvolverase no pavillón Agustín Mourís e nela tomarán parte ó redor duns 300 participantes chegados dende diferentes clubs de toda Galicia.

O pavillón municipal Agustín Mourís acollerá esta vindeira fin de semana a II Fase do Campionato Galego na categoría rexional. A cita está organizada polo Club Noia Patín, coa colaboración da Federación Galega de Patinaxe, o concello de Noia, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego. Participarán ó redor duns trescentos patinadores chegados dende diferentes clubs de toda Galicia, dende a categoría alevín ata senior, e a modalidade en competición será libre.

Dende o Concello, que colabora tamén coa actividade, destacaron a importancia desta cita e a labor que desenvolve o Club Patín Noia, facendo unha chamada a asistir ó pavillón para poder disfrutar desta competición.